Paio

San Paio de Antrealtares

 

Se o patrimonio toponímico galego foi obxecto de notables alteracións como consecuencia do contacto diglósico co castelán, a nosa antroponimia presenta tal grao de alteración e deturpación que non sería esaxerado afirmar que é na actualidade unha das máis deterioradas dentro do conxunto dos idiomas románicos, pois a castelanización afectou en importante medida aos apelidos e foi completa (substitución do galego polo castelán) no que se refire ós nomes de pía. O nome "Paio", de enorme vixencia na época medieval e con nula vitalidade na antroponimia de hoxe, é un caso significativo.

Paio é a forma galega correspondente ao latín Pelagius, antro­pónimo extraído do grego pélagos (mar), cun posible significado próximo ou equivalente ao do latino marinus, 'home de mar, mariñeiro, mariño'. Pelagius non é un antropónimo propio da onomástica clásica latina, senón un "signum" formado durante o baixo imperio romano, probablemente a partir da súa área oriental, que se difundiu cara a Occidente, especialmente entre os cristiáns, por ser o nome de varios santos mártires. O máis antigo destes, correspondente á forma femi­nina do nome, é o de Pelaxia (latino Pelagia) de Antioquía, martiri­zada a comezos do século IV, durante as persecucións de Diocleciano. O martirio de Pelaxia de Antioquía (e consecuentemente o seu nome) adquiriu difusión e popularidade pola exaltación que del fixo Xoán Crisóstomo nun célebre sermón.

A forma do masculino, que debeu seguir paralelas vías de difusión, aparece rexistrada na Península polo menos desde o século V, aínda que segue a ser un nome infrecuente ata que a batalla de Covadonga, a comezos do século se­guinte, e a utilización propagandística que dela se fixo entre os cris­tiáns do norte peninsular deu popularidade ao seu protagonista Don Pelayo.

Foi, así e todo, a partir do martirio do neno tudense Pelagio (San Paio), ocorrido no primeiro tercio do século X, e da difusión do seu culto, cando o nome empezou a facerse común na nosa onomás­tica persoal. En efecto, aínda que podemos atopar algúns exemplos do antropónimo Pelagius en documentos galegos (en latín) anteriores, a metade do século X marca o inicio da expansión do nome, que foi moi común en toda a época medieval.

A falta dun estudio estatístico, pode resultar indicativa a com­paración entre dous documentos con numerosos antropónimos, un de mediados do século X e o outro de finais do XII: no primeiro, nnha doación de San Rosendo, do ano 942, en latín, dun total de sesenta nomes atopamos dous Pelagius; no segundo, un documento do preitoentre a•igrexa de Lugo e o mosteiro de Samos, tamén en latín e datado no ano 1195, entre oitenta asinantes hai nada menos ca nove Pelagius.

Durante os séculos XI, XII e XIIl, Paio (baixo diferentes gra­fías, e coa variante Pai como forma proclítica) é un dos nomes máis comúns en Galicia Desde mediados do século XIV e comezos do XV, polo menos entre a nobreza e os medios urbanos, o nome entra en decadencia, aínda que non posuímos suficientes datos que detallen a gradación do proceso. No século XVIIl é xa un nome sen vitalidade, practicamente inexistente na onomástica persoal galega (aínda que persista nos apelidos e na toponimia). Así, nos máis de dous mil nomes de veciños de Pontevedra que figuran no censo do Catastro de Ensenada non hai ningún Paio, nin sequera na súa forma castelanizada.

Polo que respecta á evolución da forma do nome Pelagiu > Paio, a evolución de g + iode e a caída do -l- intervocálico non ofrecen problemas e consideramos que non requiren comentario. O cambio do e pretónico en a, e a posterior reducción da dobre vocal débese a un fenómeno de harmonización vocálica testemuñado polas grafías Pe­laio, Palayo, Paaio, Paio (Paai, Paay, Pai nas formas proclíticas). Non se produciu esta harmonización vocálica no, topónimo Peai (Sanxenxo), procedente dun xenitivo de posesor ou dunha forma en función patronímica Pelagii seguramente de orixe anterior ó culto de San Paio en Galicia e da popularización do nome.

Páez, País, Paz

Ademais do propio nome Paio, conservado como apelido, o patronímico presenta as formas Páez, País e Paz, correspondentes ó castelán Peláez, formadas co sufixo patronímico -iz/-ez. Para a forma Paz, aínda que desde o punto de vista fonético é perfectamente expli­cable (a asimilación e reducción áe > áa > á é a mesma cá de carballaes > carballás), podería obxectarse que a existencia do ape­lido Guerra permite unha explicación distinta. A forma medieval Paaz, amplamente documentada, e aínda a dobre forma Pedro Payz e Pedro Paaz para o que presumiblemente é o mesmo individuo confirman que se trata dunha variante de Páez/Pais.
O nome Paio está presente tamén en apelidos de orixe toponí­mica. En principio, tódolos topónimos nos que entra o nome Paio po­den ter dado orixe a apelidos. Os máis frecuentes destes apelidos co­rrespóndense cos topónimos máis comúns, que son os que veremos en primeiro lugar.

Paio na toponimia

Os grupo toponímico máis numeroso no que está presente o nome de Paio é o dos haxiotopónimos relativos ao culto do santo. Baixo as grafías de San Paio e Sampaio (ou San Payo e Sampayo, ademais das escasas formas completamente castelanizadas, polo menos no nomenclátor oficial, en San Pelayo) encontramos en Galicia un total de 60 núcleos co nome do santo galego. Entre eles, dous exemplos coa extraña forma Santo Paio, sen apócope do adxectivo, correspondentes a dous lugares do concello de Redondela.
Todos eses topónimos son, naturalmente, posteriores á data da morte do santo. Algún, se cadra, pode remontarse ó propio século X, pois ó que parece, ós poucos anos do seu martirio xa se lle rendía culto nalgúns lugares do Baixo Miño.

Ademais destes haxiotopónimos, o nome está presente en 40 advocacións parroquiais de Galicia. As advocacións presentan un grao de deturpación moito maior cós haxiotopónimos, e moitas delas figuran no nomenclátor oficial coa forma castelá do santo, San Pelayo, ou ben coa variante culta, tamén castelá, San Pelagio, nalgún caso ga­leguizada recentemente en San Pelaxio. Estas son, con todo, formas ou representacións artificiais, e só en moi contados casos chegan a ter al­gunha presenza na fala viva. Así, atopamos casos como o da parro­quia de San Paio, concello de Vigo, que figura no nomenclátor oficial como Sampayo (San Pelayo), coa forma galega como topónimo -aínda que grafada segundo a ortografía castelá- e unha forma plenamente castelá como advocación.

Fóra da haxiotoponimia, o antropónimo aparece como nome de posesor en frecuentes nomes de lugar. Só na toponimia maior temos os seguintes:
l. Peai (Sanxenxo, P). Xa comentado. A conservación da vocal pretónica etimolóxica e a forma de xenitivo de posesor (lat. Pelagii) obríganos a consideralo como o topónimo máis antigo dos aquí estudados .

  1. Portopaio (Carballo, C), Casalpaio (A Estrada, P), Casal do Paio (As Pontes de García Rodríguez, C), Lama de Paio (Ribas de Sil, L), Lama de Paio (Rairiz de Veiga, O) e Vilar de Paio Muñiz (A Merca, O) son formas medievais compostas por un xenérico (porto, casal vilar, lama) seguido do antropónimo de posesor; nas dúas pri­meiras sen o nexo preposicional que tiveron orixinariamente.
  2. Un bo grupo de nomes só conservan o nome do posesor: Paio (A Caniza, P; A Pobra do Caramiñal, C; Oza dos Ríos, C). Normal­mente presenta a forma apocopada Pai (o a variante Pei) cando vai proclítico, polo xeral ante o apelido: Paicordeiro (Allariz, 0 )Peimogo (Punxín,0 ); Peibás (Antas de Ulla, L); Peimoure (Gun­tín, L) Peiluz (Palas de Rei, L) Peixoanes (Irixoa, C); Paio Ro­dríguez (Curtis, C); Pai da Cana (Santiago, C); Paipaz (na parro­quia de Eume, Capela, hoxe pertencente ás Pontes de García-Rodríguez, C) Paiosaco (Arteixo, C; Laracha, C); Paiolante (Carral,


; Paiendes (Meis, P) º.C) Outras formas, como Paioso (Maceda,0)31 ou Paiola (Vilalba,L) resultan máis problemáticas, e non está moi claro que o seu pri­meiro elemento sexa o nome Paio. O mesmo sucede con A Paidavella (Xermade, L), con artigo feminino (?).

Algúns exemplos do nome Paio na toponimia menor son os se­guintes: Pai Camiño (monte en Aranga, C), Pai Ferreiro (monte en Ois, Coirós, C), Pailarón (monte en Toro, Laza, O), Cruz de Paio (Arnego, Rodeiro, P), Ponte Paio (Eirón, Mazaricos, C), etc.
Tamén son frecuentes na toponimia portuguesa formas seme­llantes ás galegas: Pai Joanes, Pailobo, Paio de Pele, Paio Mendes, Pai Penela, Pai Souso, Pai Torto, Pai Viegas..., etc.

Paio no léxico común

Ademais do antropónimo, a forma "paio" (nalgúns casos gra­fada payo) aparece nos diccionarios galegos desde o século XIX como substantivo cos significados de "aldeano, rústico e ignorante" (Cuveiro Piñol, 1876), "agreste, zafio" e "tonto, bobo, etc." (Valladares, 1884),"payo, agreste, palurdo" e "bobo, simple, fácil de engañar" (Eladio Ro­dríguez). Co mesmo valor existe tamén en castelán, onde se do­cumenta o seu uso desde finais do século XVI. Tradicionalmente vénse aceptando que a voz española procede do nome persoal galego Paio tomado como nome típico dos rústicos. Corominas dá tamén a mesma explicación para a voz caló "payo", aplicada polos xitanos ás persoas que non son da súa raza.

A antigüidade da documentación desta acepción en castelán, ademais da súa ausencia en portugués pode facer supoñer que o seu uso en galego sexa un castelanismo. Con todo, a existencia de dife­rentes derivados en galego (inexistentes en castelán) indica que tamén na nosa lingua é unha acepción antiga. Os derivados son os seguintes: Paiolo, formado cun sufixo diminutivo sobre o nome Paio ten o mesmo significado co sinalado para paio ("bobo, pasmón, parvo"). Pailán ("imbécil tonto idiota" "paleto· hombre rústico y zafio campesino" "ignorante, inculto... ),' é probablemente Paio La(n)' (lat.Pelagiu Lana), e parece razoable relacionalo co castelán Juan Lanas, "hombre de poco carácter"; "calzonazos',. O nome castelán Juan, "típico de gente rústica, presenta acepcións próximas ás sinaladas para Payo. Tamén en galego Xan, Xoán presenta o significado de"cándido, inocente, simple',. Non está claro o valor que poida te-lo substantivo la(n) enpailán. Tal vez faga algunha referencia ó pelo ou á vestimenta. En Centroamérica, segundo María Moliner, lana aplicase ó "hombre de clase miserable". Corominas, ó tratar dos derivados da voz lana, menciona "la fama de villanos que tenían los cardadores de lana". .

En paifoco ("paisano muy rústico y torpe'; "persona zafia'; "patán, persona grosera e ignorante') e peifoco, peifoca ("flojo, cobarde, de poco valimiento" e "majadero',) cremos que tamén entra como primeiro elemento a forma proclítica do nome Payo. O mesmo se pode dicir das formas peijoco (peixoco) e paizoco, recollidas por Anibal Otero o segundo elemento destas formas preséntasenos máis escuro. En peixoco é posible que houbese un cruce con peixe. En peizoco pode esta-lo substantivo zoco, facendo alusión ó calzado dos rústicos, co que poderiamos establecer unha relación coa explicación que dá Covarrubias para o castelán patán ("el villano, que trae grandes patas, y las haze mayores con el calçado tosco''), aínda que tamén pode ser unha deformación dalgunha das outras a partir dunha etimoloxía popular. O sufixo -oco, con valor despectivo, está presente tamén noutros sinónimos, como badoco.

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search