Arnela

Arnela

 

Un xeito rápido de consultar a orixe deste topónimo é buscar no dicionario. Por exemplo no de Ir Indo aparece o seguinte: “s. f. Praia situada nunha costa aberta, metida entre dous montes e na que xeralmente desemboca un río ou rego”. Eu coñezo unha praia preto da localidade de Sada, que podedes ver na foto deste artigo, chamada Arnela, na que efectivamente remata un rego a xeito de pequena fervenza. A praia está rodeada de lugares altos aínda que non se pode dicir que a súa ubicación sexa de mar aberto. A pregunta que segue, ten a súa orixe na explicación que dá o devandito diccionario deste étimo, pois faino provir do latín *arenella. Xa que logo, a natureza deste topónimo tería máis que ver co vocábulo area que con outra cousa. ¿É isto sempre así?

Son abondosas as referencias que falan de arn como unha raíz hidronímica de orixe paleoeuropea, non só no espazo galego senón tamén no europeo. Podemos comezar mesmo por D. Elixio Rivas, no seu libro “Lingua galega, nivéis primitivos”, que relaciona a base arn cunha orixe en tema ar -auga corrente-; e no apartado adicado en concreto á base arn ofrécenos varios exemplos de ríos galegos coa citada base etimolóxica, a saber: Arnoia, varios Arno, Arnego, un regueiro chamado Arnelas; o portugués río Arnal; o palentino Vallarna; o Arnauri en Vizcaya, e outro Arno en Guipúzcoa; os Arn, Arne, Arnas, Arnon, Arnos, Arnave, Arnette franceses; os italianos Arno e Arnaro; o suizo Arnon; os alemáns Arne e Ernbach; os irlandeses Arney e Erne… e mesmo un Arnon en Palestina. Ademáis constata unha alternancia en *or para a que segue poñendo exemplos.

Moralejo Lasso, no seu “Toponimia gallega y leonesa” faise eco da existencia dunha base hidronímica arna -cauce escavado dun río- para o que cita varios ríos europeos, moitos xa mencionados no parágrafo anterior. Pensa que esa base mencionada ten unha orixe ilirio-ligur, mais tamén fai notar a presenza doutro grupo de topónimos, como Arnelas ou Arnoso “cuyo origen es arena”. E Bascuas contempla esa base arn como raíz hidronímica paleuropea no seu ”Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, Anexo 51”.

E moi completo é o estudo que desenvolve Cabeza Quiles en “Toponimia de Galicia”, no que di que arna referiríase ao espazo físico de “concavidade, caixa ou leito dun río” que por extensión podería dar lugar a nomear correntes fluviais, o que levaría a varios investigadores “a relacionar a citada base arna co significado de auga”. Da mesma opinión nos di Cabeza que é o profesor italiano G. Devoto, na súa “Storia della lingua di Roma”, onde lle da o significado de“leito escavado por un río ou polo mar”, para o que pon exemplos en Italia, preferentemente de nomes de ríos como Arnasco, Arnaz, Arnoz ou Arno. Cabeza tamén se para no topónimo Arnela, do que di que “dá nome a praias situadas entre dous montes nas que sempre desemboca unha pequena corrente de auga”

Tamén é interesante citar o libro de Julio Concepción “ Diccionario etimológico de toponimia asturiana”, que na voz Arnaedu di o seguinte: “a juzgar por el prefijo abundancial –edo, se podría pensar en los arnos, arnas, arnios…, del posible indoeuropeo aro-na -corteza cilíndrica- latinizado…” (neste aspecto é necesario destacar que o dicionario de galego de Franco Grande define arnela, entre outras acepcións, como –corteza de árbol seca, que se usaba para alumbrar-) así, hai quen pensa que a forma cóncava da cortiza tamén podería dar idea da morfoloxía que teñen as praias que levan este topónimo). Segue Concepción dicindo que: “en otros casos, la presencia de regueros, fuentes y riegas, delatan una raíz prerromana arn-a (agua, río). O arena, sin más…” logo, engade que este campo é abundante en toda a hidronimia europea, para o que pon varios exemplos, moitos xa mencionados, e entre eles varios franceses.

O que opinan os franceses sobre os seus aparece no libro de Rostaing “Dictionnaire étymologique des noms de rivières et de montagnes en France”, onde son interpretados a partir da raíz preindoeuropea -ar (curso de auga); e os portugueses, por medio de Almeida, tamén falan dun posible termo prerromano arn- (concavidade), que como depresión xeográfica explicaría o topónimo Arnas.

O debate parece estar claramente definido entre quen pensa que a orixe prerromana indicaría unha corrente de auga, e entre quen pensa que o que se quere definir é unha forma orográfica, ben como unha depresión ou ben como o cauce dun río.
Aínda tendo en conta todo isto, non se pode desbotar que algunha das praias chamadas Arnela teñan a súa orixe toponímica nun sinxelo diminutivo latino arenella.

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search