Basanta e Basante

 

O apelido Basanta, de relativa frecuencia na Mariña luguesa, deu lugar a unha serie de topónimos e microtopónimos tamén relativamente frecuentes; o apelido Basante, moito menos frecuente, semella ter estreita relación.

  1. Os topónimos Basanta(s) e Basante(s)

Concretamente, na toponimia galega, o PTG rexistra uns 20 topónimos Basanta(s) e 5 Basante(s), a gran maioría sendo microtopónimos, mais tamén hai dúas poboacións :

• Basante (Magalofes, Fene, A Co)
• A Basanta (A Pedra, Cariño, A Co)

 

  1. Análise xeográfica e semántica

Considerando a súa situación xeográfica, podemos afirmar que non seguen ningún padrón de corresponder con elementos específicos da paisaxe, como poden ser orónimos ou hidrónimos, nin tampouco con construcións humanas ou elementos arqueolóxicos.

Por outro lado, vemos que metade dos microtopónimos inclúen a forma “de/do Basanta/e”, do cal se intúe unha probábel referencia ao apelido do posesor. Os da outra metade semellan dar nomea a terras pequenas, sen abarcar unha área importante. Adicionalmente hai unha Fonte Basanta (Reigosa, A Pastoriza, Lu), que tamén debe aludir a apelido ou nome persoal, tal como acontece en moitísimas outras fontes.

Vemos que non se atopa a voz “basanta” ou “basante”, nin tampouco “vasanta” ou “vasante”, nos dicionarios galegos (cf. DdD, Estraviz) nin portugueses (cf. Priberam).

  1. Distribución dos apelidos Basanta e Basante

O apelido Basanta está distribuído maiormente polo norte da provincia de Lugo, en particular na Mariña e nas comarcas veciñas. Os datos do CAG apuntan claramente a que o foco do apelido estivo no concello de Cervo.

Por outro lado, o apelido Basante ten unha distribución escasa, tanto en Galiza como fóra. Apenas aparece no concello Rois (A Co), así como no veciño de Brión (CAG).

Os datos do INE, confirman que a maior frecuencia do apelido Basanta dáse na prov. de Lugo.

Ambos os dous apelidos tamén están atestados como Vasanta e Vasante, respectivamente. É de notar ademais a existencia, xa moi infrecuente, dos apelidos Basantas e Basantes, que deben ter a mesma orixe, aínda que non son frecuentes abondo para estar rexistrados no CAG.

  1. Rexistros documentais

Non atopamos ningún atestamento medieval de ningún dos topónimos, como apelido, aparece rexistrado Basanta no séc. XIII:

...filia que fui de Petro Basanta et Vrraca Furtuniz, ... a. 1240 Tbo. de Lourenzá (CODOLGA)

Atópase tamén documentado nese século nun foro de Xerdiz (Ourol, Lu):

...Fernan Basanta – Et Johan Basanta seo fillo caualeyros ... a. 1272 (GMH)

En 1398 aparece novamente nun aforamento a Pedro Díaz e a Tareixa Basanta dun casal na
freguesía de Santo Adrao de Lourenzá (cf. PARES).

Xa no século XV, aparece un Fernando Basanta (por veces como Fernando Vasanta):

... Vaasco Afonso, Fernan Vasanta, coengos ... a. 1425 (CODOLGA)
...domno Fernando Basanta , archidiacono de Abiancis ... a. 1458 (CODOLGA)

No caso do apelido Basante, este non aparece atestado ata o séc. XV, xa en Pontevedra:
... Gonçalvo de Meira, carniçeiro, e Juan Basante, carpinteiro. ... a. 1433 (GMH)
Coa forma Vasante non aparece ata o séc. XVIII, xa en Madrid (PARES).

  1. Interpretacións dos topónimos Basanta e Basante

Para Basanta téñense postulado distintas orixes, aínda que sen moito apoio factual. Coromines (1999) asigna ao apelido unha orixe vasco-navarra, aínda que con dúbidas pois non figura rexistrado por Mitxelena (1973):

“Car al costat del cognom Basanta, que crec basco-navarrès (si bé no en Mitx., Apell...”

A hipótese de Coromines non encaixa co feito de todos os atestamentos iniciais, dos séc XIII e XIV ocorreren en Galiza, tal como se viu na sección previa. Alén diso, vimos, que a distribución do apelido Basanta apunta para unha orixe no concello de Cervo (Lu). Por razóns similares o nome das dúas poboacións indicadas, de Fene e Cariño (A Co), tiveron a orixe no apelido e non á inversa, pois sería moi improbábel a orixe do apelido nunhas poboacións tan afastadas de Cervo.

Por outra banda, tamén podemos descartar que a orixe fose nun Basante formado a partir dalgún nome de posesor, xa que a forma orixinaria, aínda maioritaria, é Basanta, non Basante.

Considerando os datos das seccións anteriores, así como outros datos xeográficos que comentaremos de seguido, pensamos que o máis probábel é que Basanta e Basante teñan a orixe en “Aguas Santas”, que
evolucionaría para *Abasantas e de aí con deglutinación para Basanta.

En efecto, o paso Augas Santas > *Abasantas sería análogo aos ben atestados de Santa Oalla > Santa Balla ou San Ioane > Seivane. Outro exemplo é o de Malvas (Tui, Po), documentado nas diferentes fases evolutivas: como Malones (1287), Maloes (1436) ou Malloas (1487). Tamén na antroponimia de orixe xermánica atopamos varios exemplos de consonantización da semivogal w: Geloira > Elvira, Aloytus > Alvito, etc.

Continuando coa evolución, xa desde *Abasantas, a deglutinación en A Basanta non é máis ca unha reinterpretación como artigo, análogo ao que aconteceu con topónimos como Agrela > A Grela ou Ogrobe > O Grove. O paso á forma en singular é tamén común para regularizar co artigo. Para o caso de Basante, a súa evolución a partir de Basanta tamén é explicábel facilmente, por influxo do frecuente sufixo -ante(s).

Esta hipótese tamén encaixa do punto de vista xeográfico: os datos do CAG apuntan a que o apelido Basanta tería orixe no concello de Cervo (Lu), que é onde se atopa o lugar d’As Augas Santas, na freguesía de Rúa. Pola súa parte, Basante ten pouca frecuencia para definir unha orixe clara no CAG, pero encaixaría que fose en Augasantas, no concello de Rois (A Co), un dos dous concellos nos que ten presenza ese apelido.

 

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search