Mera

Ponte noval. Mera

 

Lugares chamados así, hainos no concello de Arzúa (Os Muiños da Mera); no das Pontes (Trambasmeras); nos de Covelo, Navia de Suarna, Oleiros, Silleda, Lugo e Ortigueira. É o nome de varios ríos e afluentes (en concreto o río Mera, en Ortigueira, bautiza os lugares de Mera de Riba e Mera de Baixo); como ríos de certa entidade temos o antes mencionado, que nace no Alto do Caxado e morre na ría de Ortigueira, e un que nace no Cordal de Chao, na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo) e desemboca, con outro nome, no Miño. É mesmo un apelido, que tivo casa patrucial, segundo a Enciclopedia Galega, nas Torres de Meira (Pontevedra), e en Vilamaior de Negral (Guntín, Lugo). Este nome de lugar, que como xa levamos observado ten relación directa coa auga, deu nome, por último, a un mosteiro, o de San Xoán de Mera, que estaba na vila de Cuarto, no Val de Mera (Lugo).
Na fala ten presenza recollida en varios dicionarios, moitos coincidentes en resaltar, sobre outros, o significado de néboa moi húmida, que chega a facer dano ás colleitas. Segundo o dicionario de Eladio Rodríguez: “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” e danos un exemplo da sabedoría popular neste dito: “A mera no San Xoán, leva o viño e máis o pan”. Nalgún dicionario aparece mesmo co significado de chuvia débil.

A orixe preindoeuropea do que foi inicialmente un hidrónimo, derivado da base con significado relacionado con auga *m´r (con alternancia vocal no interior), tivo aínda máis fortuna, dando nomes de lugar de xeito especial na toponimia galega e asturiana. Así, en Galicia, ademais da forma Trambasmeras (entrambasmeras), e que recorda a construción doutro nome de lugar, como é Ambosores , que foi mencionado noutro artigo, temos lugares como Meira, Meiro, o río Mero, que pasa por Betanzos, outro río Meiral no Barco de Valdeorras, e varios outros que probablemente teñan a mesma orixe na referida base preindoeuropea, como Meiro ou Meire.
No caso asturiano, aparecen tamén varios ríos con nome Mera ou parecido, como o río Meirúa. Para o río Mera, Julio Concepción fala da posibilidade de que a orixe fora o adxectivo latino mera (limpo, transparente) aplicado a un río pola limpeza das súas augas, aínda que recoñece que se ese fora o caso, o vocábulo tería que ditongar. No caso de Mieres acepta unha raíz prerromana mer-, mar- (auga); disque presente en lugares “con nombres parecidos y con arroyos o fuentes”.
Na miña opinión, a relación dos lugares mencionados coa base antedita, e que fai referencia sobre todo a hidrónimos ou a lugares que collen a denominación partindo dun hidrónimo, é evidente. O número de casos nos que aparecen variantes sobre esa base en lugares con presenza de auga, como ríos e fontes, é relevante especialmente no norte da península, e teñen a recorrencia suficiente para seren tomados en consideración.

Os ríos Mera, Miera, seguen o seu camiño ao leste. En Cantabria o río Miera desemboca no Mar Cantábrico despois de percorrer todo o Valle del Miera, ao que lle dá nome; La Miera en Lena, (Asturias), río Miera (Cantabria); Miera de Arriba, Miera de Abajo e Miera de Medio, preto do río Santa Bárbara, en San Martín del Rey Aurelio (Asturias)

Mera é unha variante da raíz hidronímica mira que está na base de moitos hidrónimos peninsulares e europeos (Un_Krahe, 47). Esta variante é o resultado do cambio de timbre da vogal tónica /-i-/ > /-e-/ ante /r/ (Pedr_1996, 363-364). Nalgunhas áreas de diptongación romance o resultado é miera por interpretarse a /-é-/ tónica como unha vogal breve latina /-ĕ-/ > /-ié-/.

A raíz *mera é moi abondosa na toponimia galega: o río Mera é  afluente do río Tambre e Barcia de Mera (Pontevedra) está situada a carón dun brazo do río Tea; Mera en Peso da Regua (Portugal). O río Mera en Lugo conta con dous topónimos asociados. Tamén Mera e Vilachá de Mera; Merilla e Meruelo, con diminutivos latinos, en Cantabria.

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search