En canto ao apelido Fanego, é frecuente en parte da zona Mindoniense da provincia de Lugo, incluíndo Ribadeo, e semella que tivo o núcleo en Alfoz (cf. FANEGO, "Cartografía dos Apelidos de Galicia"). Este apelido xa está atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Está atestado tamén "Pedro Diaz Fanega" en 1211 (cf. E. Rivas, "Onomástica persoal do noroeste hispánico"). E en Viveiro en 1424 "Vaasco Fanego, Fernan Fanego" (cf. E. Rivas, "Onomástica persoal do noroeste hispánico").
Fanego debeu ser orixinado nun alcume, vendo o sufixo -ego que moitas veces alude a persoas ou etnias. Tería relación co verbo "fanar 'despuntar as orellas, desmochar' (cf Corominas s.v. faneca) . De feito nos dicionarios galegos (Dd) recollen Faneco como "Fanado, brujo, demonio, judío, circuncidado". Similarmente recollen os dicionarios de portugués.
Poderíamos pensar que fai referencia á medida de superficie e capacidade, mais a presenza deste topónimo, segundo o Nomenclator, coincide bastante coa do apelido, polo cal semella descartable que se referise á medida de capacidade.
