Disque as rochas máis antigas están na Baía de Hudson, en Canadá, cunha antigüidade de 4.000 millóns de anos. Logo seguen uns lugares en Grenlandia, Suazilandia, Michigan ou Australia; e nun destacado lugar atopamos o Cabo Ortegal, no concello de Cariño, na Coruña. As rochas do Cabo Ortegal estímase que teñen unha antigüidade de 1.160 millóns de anos, e son cientificamente coñecidas por representaren un ben preservado fragmento do manto superior, composto por rochas ultramáficas con especial presenza da piroxenita. Este estrato conservado parece ser o resultado da cristalización do magma. O Cabo Ortegal ten, ademais dun enorme interese xeolóxico, interese paisaxístico e ornitolóxico. Está incluído no Lugar de Interese Comunitario chamado “Costa Ártabra”.
Se o Cabo Ortegal é agora famoso por isto, xa era un lugar coñecido por Ptolomeo, do que falaba na súa Xeografía co nome de Lapatia Koroy Akron, promontorio que se estima que é o mesmo que o Aryium que cita Avieno na súa Ora Marítima “Aryium rursum intumescit prominens in asperum septentrionem”, e que correspondería á Punta dos Aguillóns. Esa área estaría habitada pola tribo dos Lapatiancos, xentilidade do pobo dos Artabros que tamén ocupaban a área de Cedeira e Moeche, e que deixarían, no concello de Moeche, o precioso topónimo de Labacengos.
Preto do Cabo Ortegal emerxen tres rochas, chamadas Os Aguillóns e tamén citadas por Ptolomeo como Trileykoi Nesoi. Estas pequenas e agudas illas están situadas fronte ao faro do Cabo Ortegal. O nome de Trileucos (tres brancos), merece diferentes xustificacións, uns din que colle a cor da branca escuma do mar que bate contra eles, e outros din que responde ao guano da impresionante colonia de araos que ata hai relativamente pouco tempo habitaba neles. De calquera xeito, habendo tres rochas principais, en realidade é un arquipélago no que as súas illas chámanse: Insua Maior, Cabalo Xoán, Tres Irmáns, A Longa e O Rodicio. Estes Aguillóns non son os únicos que hai en Galicia, hai outro grupo de pequenas illas na ría de Corcubión que son chamadas os Aguillóns de Sagrelos, e mesmo hai, xa en terra firme, un pico pontevedrés chamado dos Aguillóns.
O topónimo de Aguillón ven do latín vulgar aquileo-onis, que é unha variante de aculeus; e ten como sinónimos farallón, cabezo, con, pena ou penedo. Moitos destes vocábulos son coñecidos, aínda que seguramente algo menos coñecido é outro xeito de chamar ás rochas agudas que emerxen do mar. Hai lugares en Galicia e Portugal, como por exemplo Os Guichos en Malpica, na Coruña, que teñen como característica a presenza de pequenas illas de formas agudas ou bicudas. Os dicionarios teñen como unha das acepcións para a palabra guicho a de “pico, punta aguda”. O máis explícito é o de Aníbal Otero, que di que o significado de guicho é o de: “puntiagudo hacia arriba, dícese especialmente de la cabeza y los cuernos”.
Espero que neste breve artigo non se me dera por “falar como quen dá couces contra un aguillón”, pois segundo a sabedoría popular, estaríame empeñando en facer algo inutilmente, ou ainda peor neste caso, estaría falando para as paredes.
