Camba, Cambre, Cambados, Cambridge.

Camba, Cambre, Cambados, Cambridge.

 

O que poña no buscador de topónimos o vocábulo camb, obterá unha boa cantidade de resultados. Moitos coñecidos, como Cambados ou Cambre; outros algo menos, como Cambariña, Cambela, Cambeses, Cambeda, Camba, Cambadas, Cambeiro, Cambelas, Cambás, Portocamba, Cambicia, Cambeo, e mesmo un río de Camba. Estamos a falar dun topónimo de case segura orixe céltica, en calquera caso indoeuropeo sen dúbida, así que pódesenos ocurrir algún lugar onde poida haber outro de similar orixe. Un dos que nos virá primeiro á cabeza é o lugar de Cambridge, (ponte sobre o río Cam), e se miramos no Cambridge Dictionary of English Place-Names, atoparemos o seguinte sobre Cam : “…the river name is not so early evidenced… but probably represents primitive Welsh camm (british cambo, crooked). The stream has a winding course”. É dicir, temos un río con moitos meandros, curvado. Este dicionario, ademáis, tamén reflicte unha forma no inglés antigo camb que dá o topónimo inglés Cambo. E non é esta a única forma, tamén outros topónimos ingleses teñen a súa raíz no vocábulo cambo, con variantes no galés camas, camais; irlandés cambas; ou o irlandés antigo cammas (bahía). Para abondar máis, este diccionario fala dun río Camel co significado de río con moitas curvas, e non é o único exemplo que pon, polo que temos tamén o que parece ser unha base bastante productiva na área británica.

E, se unha base toponímica de orixe celta está nas Illas Británicas, o normal é que tamén apareza en Francia. Dauzat relaciona varios topónimos franceses sobre compostos do galo cambo (curvo), como Chambezon, de cambo e dunum (cuiña), con cambio de final; Chambon… Dauzat tamén menciona varios lugares achegados a ríos, formados sobre “cambo- , courbe (de rivière)”; como Camon ou Cambo-les Bains. Unha explicación moi semellante á que se dá máis abaixo sobre Cambres, témola en Francia co topónimo Cambronne, do que se di: “Camberona, vers 1020, du gaul. *cambo, courbe et –ar- , suff. ou hydronyme pré-indo-eur. et gaul. –onna , rivière”

Por suposto, formas semellantes aparecen tamén en Portugal, onde se fala dun prerromano cam, camb- topográfico, que significaría elevacións redondeadas, así, fanse provir de ahí os lugares, entre outros, de Cambada, Cambado, Cambeses (repítese o de Galicia, o sufixo denota a orixe dos habitantes, que virían dun lugar chamado Camba) e mesmo de Cambres, que Almeida relaciona con Cambaras, do prerromano camb curva e ar(a) auga. A súa evolución sería: Cambaras> Cambras > *Cambres. Moralejo tamén falará do Cambre galego, (Calambre no S. X.) do que di que ben puidera relacionarse co antigo Calambrio/bria da Galia.

Segura Munguía, no seu “Diccionario por raíces del latín” fala de camba-ae como pata dos cabalos, pide que se compare co grego kampé, (curva) e relaciona canga, (xugo) como probablemente do celta cambica (madera curva). O dicionario da RAE tamén fala de canga, na súa etimoloxía, como: (Del celta cambica, madera curva, der. de cambos, curvo; cf. galés kamek). No castelán tamén se refire gamba, (pierna) como provinte do latino camba, do que Corominas comenta o seguinte, en contraposición a Segura: “…suele mirarse como tomado del griego… , origen que debe revisarse, acaso a favor del céltico, atendiendo a la fecha tardía del cambio griego de –mp en –mb…” “…si el sentido etimológico fuese miembro curvo, curvatura, y el vocablo fuese idéntico a la cama del arado el céltico ofrecería una buena base con camba, (curvatura)”.

Blanca Prósper tamén relaciona o radical comb cun indoeuropeo (s)kemb- curvo, como mencionara Pokorny, e atópao xeralizado no antigo irlandés camb (curvado); galo Cambión (torcido); hidrónimo Cambio- ; tamén como probable o galego-asturiano canga (xugo); e cunha forma céltica camb que dá varios topónimos e hidrónimos en Galicia e Portugal, e mesmo un río Cambilla en Cantabria.

En Galicia tamén temos opinións que coinciden co xa falado. Moralejo fala de Camba como dun hidrónimo do que se poden poñer varios exemplos, e Cabeza tamén relaciona toda esa cantidade de topónimos, e outros como Cambás, Cambada, con ese radical céltico *camb- (curva, cousa curva).

Xa remato, nos dicionarios históricos do galego aparecen definicións que poden ser, tamén, ilustrativas. No de Pintos: “pieza curva lateral del carro”, acepción que se repite en moitos outros; o máis explícito é o de Carré: “Cada una de las dos piezas curvas de madera que forman, con el milde, las ruedas de los carros del país”. A sabedoría popular sacará un dito no dicionario de Elixio: “és máis torto cas cambas do carro”. Hai outra denominación curiosa, chámase cambado a aquel que ten as pernas torcidas, formando arco, denominación que aparece en moitos dicionarios históricos.

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search