Salas

Salas

 

Que a raíz *sal pode ter relación coa raíz *sar, é un fenómeno coñecido a alternancia entre as consoantes líquidas /l/ e /r/ a final de palabra; e xa noutros traballos hai exemplos de hidronimia con base *sar. Como ben se di, esa base aparece nos ríos Sar, Sor, no lugar Ambosores e un longo etcétera.   

   Mais aínda que a base *sal  *salia dese, chegado o caso, ríos en Salas, hai toponimia homónima derivada dunha raíz ben diferente á base da que estábamos a falar.  Esa toponimia ten a súa orixe no vocábulo gótico sala que Nieto Ballester, no seu Diccionario de Topónimos Españoles, relaciona con “caserío, quinta”. Para este autor, este topónimo é especialmente frecuente en Galicia, onde toma formas como Saavedra (sala vetera), Zas (que ten a súa orixe nun proceso de falsa corrección por ser área de ceceo) ou Sas .  Mais o topónimo non é exclusivo de Galicia, é tamén frecuente, como relata Corominas no DCECH,  na toponimia catalana, moito máis que na área aragonesa e moitísimo máis que na de Castela, malia termos alí un Salas de los Infantes.  Corominas dubida se ese vocábulo chega directamente polo gótico ou se chega por medio do catalán ou do galo-románico, mais fai notar que a segunda posibilidade está avalada pola conservación do /l/ no portugués sala. En calquera caso menciona os Sáa como especialmente frecuentes na onomástica e toponimia portuguesa. Especialmente interesante é a cita que fai Corominas da frase: “todos son dunha sá” (camada, cuadrilla) que era como dicir dunha mesma casa solariega, e cita: “luego sembradura, siembra, hablando de las varias sementeras de un mismo año estos guisantes son da primeira sá“  sentido que recolle, tamén, a obra “Diccionario de Diccionarios”; concretamente os de Elixio Rivas, Eladio Rodríguez  e Franco Grande.                                                                                             

   Cabeza tamén dalle a sala o significado de “casa dunha soa habitación ou habitáculo pechado con paredes”  e tamén aporta topónimos europeos do mesmo significado. Este autor, pensa que  este tipo de topónimos deben facer referencia a grandes granxas agrícolas do período suevo, así  As Saíñas serían granxas de dimensións máis reducidas. Concepción, no caso asturiano, opina que estos lugares, no caso de que non veñan da mencionada base hidronímica, designarían lugares habitados, máis ben chans, con algún tipo de explotación agrícola sobre o cauce dun río, tal vez aplicado a un caserío ou finca orixinaria. Seguindo coas posibles variantes na toponimia que teñen a primeira parte en sala, atopamos varios pobos que non teñen que ver con ningún dos supostos anteriores, así, dun nome gótico Salamirus (composto polo gótico *sal(a)- “sala, corte” e –mirus do gótico mêreis, “famoso”);  temos os topónimos Salamir en Asturias, ou os galegos Saamil, Samil. Dun presunto Salamundus teríamos Salamonde, o problema é que ese Salamundus non está documentado como antropónimo; podería ser Sallamonde para explicar que se manteña o /l/ intervocálico, mais entón teríamos o problema de Samonde, que Piel fai derivar do mesmo posible Salamundus. O profesor portugués Almeida, di o seguinte sobre isto:

“… Salamundus… explicando o -l- pela influencia do hipocorismo Sallo, com geminação regular do -l-. Não se compreende Piel: se o elemento deixou de funcionar en hipocorístico ou vocábulo simples (sua raíz, afinal), como é que o –l-, geminado, continuava a sê-lo?. A questão é muito outra: a origen deste topónimo não está em tal n. pessoal, mas en Sendamundus ou Sonamundus … Baste-nos atender à documentação do caso do c. Vieira: do séc. XI para o XII, Sendamondi = 1220 Sanamundi = 1258 Senamundi = 1400 Sanamundi = 1528 Sallamonde (com –ll- por –l-)”.

Dun nome latino Avitus, que cita Boullón Agrelo no seu libro Antroponimia Medieval Galega, temos un Avitianus moi extendido na península, e que na súa forma Sala Auizanis dará nome a un lugar do concello de A Estrada, Salouzáns.

Sobre a pretendida relación dos topónimos Salas como lugar de sementeiras, o Diccionario Etimológico Indoeuropeo de la Lengua Española, de Roberts y Pastor, contempla unha raíz indoeuropea se, co significado de sementar, que no alto alemán antigo dará saen; no prusiano antigo semen; no córnico has; no bretón hed; e no irlandés antigo sil. Non sei se o celtismo sala con significado de “sementeira” tería que vir dun protocelta, mais o que se contempla consultada esta posiblidade é unha raíz seg. Porén, o mesmo dicionario de Roberts e Pastor ofrece un sel- co significado de “estancia humana” que dará no anglosaxón salor; no islandés antigo salr; no búlgaro antigo selo (aldea) e no xermánico sal, co significado de habitación, cuarto.

O vocábulo é verdade que ten unha presenza moi antiga en áreas de lingua romance, cítanse exemplos dos SS. XI-XIII no Onomástico e nos Subsidios de Cortesão; polo que Corominas non desbota que tivera presenza a través das linguas xermánicas como o fráncico e o visigótico, e mesmo fora reintroducido por “una oleada de origen caballeresco, procedente de Francia o de Cataluña” . En Galicia pouco ou nada sabemos das linguas xermánicas, (nomeadamente o suevo) que se falaron aquí, e segundo Ramón Mariño, na súa Historia da lingua galega, “…son minoritarios, tanto en galego coma nos restantes romances hispánicos, os xermanismos que nos foron legados directamente por un idioma xermánico aquí falado nalgún momento…” En calquera caso, en Galicia xa constan topónimos con Sala no inicio do S. X. ; e no libro publicado co título Léxico hispánico primitivo, e redactado por Manuel Lapesa, aparece o seguinte na entrada salla: -”(del germánico sal), f. Palacio, casa. (1097-1104) dono una terra ad illa salla de Berenguer Gombald“

O vocábulo que nos chega ten orixe no fráncico (dialecto xermano occidental), e se consultamos o alemán Saal no Etymologisches Wörterbuch des Deutschen, da editorial DTV vemos que xa se contempla no alto alemán medio (1050-1350) o significado de sal como “Haus, Halle”, e mesmo remítense as variantes existentes a un “Einraumhaus”, ou casa dunha soa estancia. As variantes que nos dá son: do longobardo sala; do antigo saxón seli; do baixo alemán medio sal; do antigo inglés sele; do medio holandés sale, sael, sele… e xa se atopan compostos deste étimo no S. VIII . Hai moitos máis exemplos, curiosamente tamén aparece unha derivación co significado de “Feld, Acker, Dorf” ou sexa, campo, terra de labor e aldea, o que pasa é que aparece este significado no antes mencionado selo, do eslavo antigo. En todos os demáis casos a idea é a de vivenda. Para rematar dísenos: “Zu erschliessen ist eine Wurzel ie. sel- ‘Wohnraum’ “. Ou sexa que remítesenos a unha raíz indoeuropea sel- , o mesmo que no dicionario de Roberts e Pastor, cun significado de “vivenda”.

O libro Lexikon Bayerischer Ortsnamen fala do topónimo Saal an der Donau, en área da Baixa Baviera, in loco qui dicitur ad Salla documentado no ano 790. O significado remítese por Albrecht Greule ao “germanisch sal-az ‘Einraumhaus’ ”, mais Snyder opinará, penso que con razón, que a inmediatez do río Donau indicaría, de novo, unha base hidronímica sal-. Esta confusión entre hidrónimos ou edificacións tamén é comentada no libro La toponimia en la zona arqueológica de Las Médulas, de Fernando Bello, que na entrada Salas de la Ribera, e falando de Sala, dinos que os Salas leoneses están a carón dun río ou regato, polo que moi ben poideran ser hidrónimos, mais tamén nos di que o étimo Sala, de orixe gótico-xermánica, significaba en orixe “edificio de una sola pieza”, e tamén relata que na Idade Media tiña o significado de explotación agraria por concesión señorial. Comenta que é raro o mantemento nesa área do /l/ intervocálico, e máis tendo preto de ahí Valdezás, mais tamén comenta outras interesantes cousas, por exemplo que, para Llorente Maldonado “el gótico Sala significó ‘caserío, finca’, pero también ‘vega, ribera, terreno susceptible de inundarse’, probablemente por evolución da base hidronímica *sal. Lembremos que en Portugal existen as dúas solucións Sáa e Sala, esta última nos territorios que estiveron en área mozárabe.

En Francia, que é dende onde se supón que chega á península o xa comentadísimo étimo, atopamos exemplos tanto en toponimia como en onomástica. Na península hai Salanueva, Saavedra, Sáa etc. como apelidos; igual que en Francia teñen Lasalle, e no campo toponímico comenta Dauzat Saales como probablemente provinte do xermánico seli; e con formas Sales, Salles unha morea de lugares, a meirande parte con orixe en Sala e que xa se empezan a documentar a partires do 972, e hai tamén Salles asociados a un antropónimo, como Sallagriffon (dun nome xermánico Grifo), ou Sallebruneau. Para rematar, ven ao caso citar o topónimo portugués Salaborda, pois fálase de que poida ser unha tautoloxía cunha primeira parte en Sala e unha segunda, Borda, que significa “construção ou morada feita de madeira ou pranchas”.

Na miña humilde opinión, a toponimia busca singularizar e definir os espazos xeográficos, para identificalos. Os cultivos tamén valen para iso, temos exemplos en Feás, Centeás ou Liñares, mais sigo sen atopar a case ninguén que opine que Sala, cando non é referido a hidrónimos, ten o significado exclusivo de “sementeira”, nin a case ninguén que opine que as hipóteses sobre edificacións son obsoletas. A afirmación de que as Salas peninsulares son sementeiras con étimo de base céltica, máis que contundencia merece prudencia

© 2025 Newskit. All Rights Reserved.Design & Development by Joomshaper

Search