O libro “Atlas toponímico de España”, do profesor Jairo Javier García Sánchez, e actualmente profesor na Universidad de Alcalá, fala de Valdoviño deste xeito: “los viñedos no escasean tampoco en la toponimia de poblaciones, en especial de zonas vitivinícolas por excelencia como La Rioja y Ribera del Duero: La Vid, Viñas, Viñuela(s), Viñegra, Viniegra, Valdoviño; tenemos, además, Dalías (del árabe al-daliya “la vid”) o el curioso Torrelavit, forma que ha sustituido a Terrassola i Lavit”.
Valdoviño é un concello de A Coruña pertencente á comarca de Ferrol do que a Enciclopedia Galega Universal di que o topónimo “parece aludir á abundancia de vide ata o S. XIX cando a praga da filoxera acabou prácticamente co seu cultivo”. Menos concluinte é a Enciclopedia Galega de Silverio Cañada, a cal, aínda facéndose eco da explicación anterior, tamén di que outros estudosos “opinan que provén do nome do rego que baña Aviño, é dicir, do Val do Aviño”. Xa que logo, temos un rego que parece dar nome ao pequeno lugar de Aviño, lugar que é a capital municipal do concello de Valdoviño.
Mais para que fose como se refire no parágrafo anterior, tería que haber un río Aviño, cousa que desbota o profesor da UDC José Álvaro Porto Dapena, no Estudios mindonienses: Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol, ISSN 0213-4357, Nº. 31, 2015, págs. 437-462, onde refire o seguinte:
Contra o que podería parecer evidente, a palabra "Valdoviño" non é a aglutinación da frase galega "val do viño", isto é, "val do viño", nin tampouco, por suposto, procede -como insistentemente se ten dito- de "val do (río) Aviño" 'val do (inexistente) río Aviño' ou, simplemente, de "val d'Aviño", isto é, 'val de Aviño', en atención a que Aviño é o nome dun barrio valdoviñés, antigamente parroquia que se fusionou, xunto con Atios, coa de Santa Eulalia, tamén chamada Aviño ata finais do século XVII. Como se proba no presente artigo, "Valdoviño", que se utilizou desde finais do século XVI como denominación da antiga freguesía de Santa Eulalia, a cal non lindaba co mar (a que lindaba era Atios), non vén ser senón o nome do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, un nome, formado a partir da raíz xermánica balt- ou hald- 'audaz' e o antropónimo latino "Albinus", do que hai abondosa documentación nos textos medievais. Sendo isto así, resulta absolutamente absurda unha moi recente proposta etimolóxica segundo a cal "Valdoviño" viría nada menos que do gaélico escocés "Beul Abhann Iù" 'desembocadura do río', en alusión á lagoa da Frouseira, que nunca puido chamarse "Valdoviño".
Aviño non é un lugar excesivamente frecuente en Galicia, no buscador atopámolo só na parroquia de Cambre, en Malpica; e coa forma Aviñoá na parroquia de Proente, no concello de A Merca, en Ourense. Como parece ser o rego o que dá lugar ao nome de Aviño, no concello de Valdoviño, o primeiro que se pensa é que poida ter algo que ver coa forma prelatina “ab-“ indicadora de correntes fluviais seguida dunha forma flexiva. Que o nome do río acabe nomeando un val, é o que pensa Edelmiro Bascuas, no seu excelente traballo “Hidronimia y léxico de origen paleuropeo en Galicia” no que nos di o seguinte: “… sería uno de tantos casos de ríos que terminan dando nombre al valle que riegan, como Valedouro, Valdoviño, Val do Dubra, Val Miñor, Valderas, Valduerna; es una tendencia que lleva incluso a usar la palabra valle como sinónimo de río: río Valcarce, rio Valdavia, río Valdediós…”
Volvendo a Valdoviño, non parece un topónimo explícitamente documentado, xa que aparecen aínda máis opinións. Por exemplo Cabeza Quiles pensa tamén que poida vir da devandita corrente fluvial, aínda que propón, como outra posibilidade, que viñese dun nome persoal latinizado “Baldovinus, isto é Balduino”. Non é o único en ofrecer a posibilidade dunha orixe antroponímica, pois Julio Concepción Suárez, no seu “Diccionario etimológico de toponimia asturiana” e facendo referencia tamén a un Avín-Aviño da toponimia asturiana, non parece telo moi claro, e di que: “Abascal Palazón cita también el antropónimo latino Abinus, Abini” como orixe etimolóxica do topónimo asturiano.
Outros hidrónimos parecidos a Aviño, existentes en Galicia, e que comparten presuntamente a mesma orixe céltica en (ab- abon ) xa citados no seu momento por Corominas en “Elementos prelatinos en las lenguas romances hispánicas”, son Avia e Avión, entre outros.
Como curiosidade, a algún que lea isto igual vénselle á cabeza o lugar de Stratford-upon-Avon, no Reino Unido, lugar de nacemento de William Shakespeare. Pois sí, o Avon é tamén un río coa mesma base da que estivemos a falar neste comentario. Consultemos o estupendo (e carísimo) libro “The Cambridge Dictionary of English Place-Names”, de Victor Watts, no que nos di que a base de Avon é ab- (auga, río) seguido do sufixo –ona, e fainos saber que esa mesma base aparece en ríos de moitos lugares de Europa: a área Báltica, Alemania, etc. e se alguén queda con dúbidas sobre a outra parte do topónimo inglés, é dicir, Stratford… pois dicirlle que ven do inglés antigo straet-ford; o primeiro composto ven do latín “strata” o segundo, “ford” significa o vao dun río. É dicir, sería o vao da estrada romana sobre o río Avon
